Na beira do Lete

... alampan os recordos todos, como brasas atizadas polo vento da morte.

30 de decembro de 2013

Avante!

Avante

28 de outubro de 2013

A muralla de Zenón

Máis forte ca unha muralla de aceiro pode ser unha idea equivocada, con tal de que se manteña a conciencia, como unha teima, coma se fose o único que existise no mundo, concentrando toda a forza da mente en estreitala entre os brazos cos ollos ben pechados. Preso desta cegueira, a infinidade do espazo aparecéuseme durante un tempo como garantía de protección contra as diferentes ameazas do mundo, polas mesmas razóns polas que unha frecha disparada nunca chega realmente ao seu destino, nin pode nunca Aquiles gañarlle a carreira á tartaruga.

Supeditar a felicidade a un lugar determinado, é dicir, a unha paisaxe concreta, é dicir, a un espazo acoutado que se contempla dende un punto, presupón a existencia dun espazo permanente e inalterable. Algo perfectamente factible cando se considera que hai no mundo un excedente tal de espazo, de territorio, que calquera desprazamento ou alteración nel non é máis ca unha ilusión, e polo tanto non pode acoller cambios significativos. Noutras palabras: como vai un exército de colonos invasores, baioneta en man, aprender os retortos camiños que levan a unha illa afastada e remota, na que non hai ningún tesouro que espoliar? Como se vai crer que chegaron os romanos, tan só coas súas armas e as súas pernas, a recunchos inhóspitos á beira do Atlántico? Que broma é esa de que uns homes chegaron á lúa? Como vai chegar un plan urbanístico, unha desas cuadrículas de Hipódamo, a unha paraxe sen xente, salteada de ondulacións, de árbores, de penedos, de fendas e de intricadas cavernas? Como te vai atopar unha noticia indesexada cando te vas agochar no sitio máis arredado imaxinable? Como vai chegar o mosquito X ou a bacteria Y, autóctonas dunha illa do sueste asiático, a un val perdido no occidente de Europa, concretamente a unha casa tan diminuta que nin sequera se lembraron de poñela no mapa? Como vai caber todo o planeta en Google Earth? Quen vai dar co nó, que hai na febra, que hai na agulla, que hai na pata, que hai na lora, que hai na cama, que hai na alcoba, que hai na casa, que hai na esquina, que hai na praza, na cidade de Pamplona? E, por todo isto, como imos nós ser quen de saír, de perdernos na terra incógnita extramuros, se todo canto podemos andar é para percorrer a infinitude do mesmo lugar?

Rematando a infinita cadea de obstáculos que se lle pode poñer ao mundo dende esta perspectiva, aparécese como derradeiro reduto a mente. A mente é o consolo último de quen, desbordadas as súas barreiras físicas por unha forza extraordinaria e fatal, ve reducido o seu espazo a uns metros de alxube, ou se cadra se ve atrapado nuns milímetros apenas suficientes para coller aire e para asentir coa cabeza. Velaí que os máis fortes se somerxen na súa idea liberadora, dando a entender que absolutamente nada do que pase fóra lles pode arrebatar o seu ben máis prezado, porque o seu reino non é deste mundo. Así un San Sebastián, cando morre frecheado, pretende demostrar aos seus asasinos que todo canto o torturen é inútil, porque a súa fe vive nun universo independente do que se pode destruír coas armas, todo o cal resolve a aporía de Zenón afirmando que a frecha nin sequera sae do arco. Esta estratexia da ataraxia, da mente que acada a felicidade pola vía da emancipación do mundo, ten unha longa tradición que vai máis alá dos mártires cristiáns. A súa raíz é estoica, e ten como un dos seus primeiros defensores a Epicteto, un escravo romano que atopa consolo á súa situación afirmando que un é tan libre como queira ser, sexa cal sexa a súa situación material, ou dito doutro xeito, que na mente un sempre pode ser libre. Un mesmo estilo, unha parecida fortaleza mental, debe de ser a que guía a Viktor Frankl durante a súa reclusión nos campos de concentración da Alemaña nazi, o que lle da pé para desenvolver unha psicoterapia relacionada coa busca do sentido da vida.

"Poderán facerlle calquera cousa ao meu corpo, pero non á miña mente": este é un argumento moi contundente, practicamente irrefutable. Tanto como que a frecha de Zenón ten que percorrer infinitos puntos e polo tanto non se move do sitio. Por iso, cando semellantes evidencias son superadas pola realidade a confusión é total. Vale que é suicida poñerse tras dunha muralla de aceiro, no embigo do mundo coma unha Constantinopla; pero polo menos nos quedaba a inmensa e inhóspita estepa, que criamos ignorada polos incontables poderes que pugnan por conquistar a terra. Cando os Estados Unidos ameazan con que na infinidade do planeta "there's no cave deep enough for America, or dark enough to hide", xa sabemos que van absolutamente en serio. A felicidade está na mente, si. Pero na mente todo vén dado, vén dende fóra, dende o outro, como se fose unha poza que vai recibindo a auga que escorrega pola montaña e que, cando se forma nunha cunca de rocha, resiste as crecidas do inverno, pero cando é un furado brando de lama, desbórdase e desfigúrase dun ano para outro ata quedar irrecoñecible. O consolo, efectivamente, non é deste mundo, está nun plano diferente da realidade: a extensión do espazo segue a ser limitada por moito que sexa infinitamente divisible, e a frecha chega efectivamente ao seu destino co consentimento da intelixencia ou sen el. Acaso vai o furacán a pararse a resolver o labirinto que lle debuxemos no chan polo que pasa?



Fotograma de When the Wind Blows, 1986

30 de agosto de 2013

A unidade de medida

A todos nos agrada recibir unha compensación en forma de diñeiro polo noso traballo, é dicir, polo esforzo que dedicamos a producir algo máis ou menos recoñecido pola comunidade, privándonos así dun tempo da nosa vida que, doutro xeito, poderíamos encher con actividades pracenteiras. Pero a estas alturas a ninguén se lle escapa que os cartos non representan unha unidade de esforzo, de produtividade ou de talento, senón que simplemente son unha unidade de poder, e nese sentido non revelan tanto unhas causas como unhas consecuencias. Non hai correlación, nin a houbo nunca, entre traballo e beneficio; o único que hai son persoas interesadas en propagar esa ilusión apelando a mostras parciais e raquíticas. A relación que se establece entre traballo e ganancia é arbitraria, practicamente aleatoria, non menos accidental que a saúde que un goza, e pretender que existe como regra xeral é tan absurdo como defender unha conexión entre a intelixencia e o champú.

As probas son tan abundantes como contundentes: a enxeñería financeira, calquera pode constatalo malia á muralla de tecnicismos con que se agocha tradicionalmente o estafador, explota a volatilidade da abstracción que representa o diñeiro para obter un beneficio sen mediación dunha verdadeira actividade produtiva, ás veces en cuestión de minutos, aproveitando o simple manexo de información privilexiada. Meritorio ou non, gañar cartos ten dende vello máis que ver coa retorta estrucia que cun esforzo titánico proxectado cara a adiante: as argucias, as letras pequenas, ese pequeno recuncho do río onde poñemos a rede sen que ninguén se decate. Pero diante dos meirandes defraudadores do público que se gaban dos seus méritos, están infinidade de traballadores doutros países consagrados a un sacrificio moi superior a cambio dunha paga ridícula, condicionados pola fortuna de vivir nun país cunha divisa feble e cunhas condicións laborais medievais. Exemplo perfecto dánolo actualmente a nosa clase política, ateigada dos mesmos vellos viláns que se plasman sen controversia nos libros de historia, emperadores putrefactos e decadentes, superviventes natos, sen escrúpulos, que non teñen reparo en xustificar os seus privilexios coa coartada xa dunha intelixencia ou habilidade superiores, xa de extraordinarias responsabilidades e sufrimentos.

Calquera entende que o sistema capitalista non vai propiciar por si mesmo unhas condicións materiais equitativas, precisamente porque está concibido para o contrario. Pero é que nin sequera exerce remotamente, malia as repetidas falacias dos seus apóstolos ideolóxicos, a que se presume como a principal facultade do liberalismo económico: a xusta valoración do mérito individual e, por extensión, a consecución dunhas condicións materiais máis xustas para o home. A xustiza, entendida como dar a cadaquén o que lle corresponde en función dunha determinada valía, é un obxectivo que, condicionado polos diferentes marcos monetarios e por políticas macroeconómicas ao servizo de intereses parciais, cada vez semella máis acadarse por pura casualidade, en contados lugares e puntuais sectores. Isto, nunha perspectiva global inclusiva de todos os individuos, simplemente demostra que un sistema baseado nos cartos como unidade de medida dos bens materiais pode ser absolutamente impreciso e disfuncional, especialmente cando non se valora a necesidade
de políticas correctoras. Eu, neste momento puntual, podo dicir que me sinto compensado economicamente; pero iso non di nada sobre a xustiza estrutural do sistema: por cada persoa que coñezo que defende cos dentes o seu estatus ("yo me lo he ganado"), coñezo vintecinco que están en precario con superior valía. Claro que non faltará quen diga que a única valía que hai é facer cartos, non importa cómo, e o demais é puro ornamento.

Imaxe: kilogramo prototipo internacional (fonte)

28 de xullo de 2013

O ceo

Dentro do cadro, o ceo posúe un potencial dramático de primeira orde. A terra é inmensa, está chea de perspectivas descoñecidas e abraiantes, de recunchos insólitos e de amplitudes que fan vibrar de emoción. Pero ao pé dunha paisaxe ordinaria, intranscendente, colonizada toda de edificacións provisionais e de vías de comunicación que se van espesando en arroutadas, o ceo aparece como un referente monumental, capaz de activar o resto do panorama en clave sentimental, apelando a un proceso subxectivo de sinestesia polo cal o pintor identifica a paisaxe cun estado da súa alma.

O ceo ábrese como un inmenso lucernario no teito dunha casa pobre e escura, deixando caer sobre as súas estancias a súa puntual disposición de luces, de cores, de nubes, como un océano que se desborda en todas direccións, que turra do observador cara ao abismo aéreo, inxectándolle no estómago o formigo da vertixe e no peito unha sede terrible daquelas cordilleiras etéreas. No seu bulir constante, o ceo abre por veces a capota uniforme para pautar a súa descomunal altura con longas escaleiras que se descolgan en acordeón, que conducen a xigantescos palacios, selvas e vales, coroados máis arriba por outros palacios, e campos, e ríos, e máis polas torres doutros palacios, que erguen as súas bandeiras baixo as montañas, así nun capricho arquitectónico interminable.

Abstracto e aleatorio nos seus debuxos, o ceo nunca se repite; mais antes que ser síntoma de intranscendencia, isto outórgalle un sentido de universalidade e de intemporalidade: o ceo ten a facultade de proxectar no home calquera cousa que imaxine, pois non é a súa forma puntual, senón a súa amplitude, o seu dinamismo e os seus contrastes de luz e cor, os que inducen efectos semellantes nun cerebro encapotado, descubríndolle diante de si unha terra que xa só parecía relegada á memoria.



Ceo sobre Santiago de Compostela (25-VII-2013)

30 de xuño de 2013

O arco

Os vellos son o punto final dun arco que leva aos homes paseniño ata o principio. Ser vello é ser neno dúas veces, como adoitan dicir, pero especialmente tamén cando acompaña a enfermidade da demencia, que supón un ir desaprendendo en sentido inverso ao que sucedera nas primeiras etapas da vida. Por ese camiño, a antesala da morte debe de aparecerse a quen se atopa nela como o mesmo principio da vida: unha poza de areas movedizas, unha treboada, o mesmo caos baleiro de toda memoria e de toda idea, onde todo contacto co mundo circundante queda reducido ao pracer ou dispracer mecánico que invade o corpo en cada instante. Se hai un inferno non pode ser outro que esa zona de tránsito que se establece ao principio e ao final da vida, en estancias illadas do mundo onde seres en similar estado salaian e choran durante incontables días, onde os músculos da conciencia fican destensados como as cordas dunha guitarra que podrece nun faio.

O meu tioavó sempre dicía antes de morrer que quería que o queimaran. "Cando morra, lume!", dicía. Coma unha especie de gnóstico moderno, non cansaba de desprezar o corpo coma se representase unha excrecencia contaminada da vida, aínda que só fose por ver frustrado tantas veces o seu ideal hedonista. O que sempre arrastrara como unha especie de complexo por nacer frouxo, enfermizo e ruín, atribuído ao desfondamento dunha nai obrigada a parir ata dúas veces nun ano, converteuse no final da súa vida en resentimento contra a idea mesma da materia, aberración dolorosa e purulenta que só desaparecendo podía curarse. Pero non quería desaparecer de calquera xeito, transformado nun formigueiro de vermes na agarda da cristiá resurrección da carne: a súa esperanza era devolver unha vinganza definitiva, a liberación de todo rastro, de toda nostalxia do mundo, a través do lume purificador. A casualidade quixo que morrese o 25 do mes de San Xoán, o mesmo día ca seu pai.

31 de maio de 2013

A escapatoria (I)

Estaba ansioso cando vin comezar por primeira vez a película Aliens, o regreso (James Cameron, 1986). Despois dunha primeira entrega asfixiante, de pura claustrofobia, ese "regreso" que se anunciaba no título español figurábaseme como unha alusión á volta á Terra da protagonista Ellen Ripley. De feito, as primeiras escenas contan como a mandan cara a alí cando é rescatada, despois de 57 anos de hipersono, como única supervivente do cargueiro espacial Nostromo. De seguido, amósasenos brevemente o familiar e azulado orbe, verdadeiro final feliz do pesadelo que dirixira Scott; pero apenas descendemos coa vista sobre o planeta, nunha xogada desacougante, irrompe no plano a escura estampa dunha estación orbital. Este é o destino final de Ripley, que no canto de terra firme, desembarca noutro limbo hermético e rigorosamente tapiado, agora dominado pola cor branca, onde o que atopa, no canto de hospitalidade, son os burócratas da empresa armadora afanados en responsabilizala dos danos sufridos pola misión.

Despois dunha elipse, un momento de esperanza, unha escapatoria: Ripley aparece perante un bosque, sentada nun banco, ensumida no murmurio dos paxaros. Se cadra, liberada das súas obrigas profesionais unha vez sancionada coa perda da licenza de voo espacial, acada por fin o descanso nalgún lugar coñecido da superficie terrestre: un lugar aberto como unha fiestra entre os fentos, que se vai graduando dende a fresca e húmida sombra que proporciona o dosel arbóreo do primeiro termo ata o clareiro do fondo, no que as formas se desintegran atravesadas por un potente sol de mediodía. A continuación, un leve paneo á dereita revela que Ripley contempla unha natureza artificial, unha imaxe que se representa momentaneamente nunha gran pantalla perante a que se coloca o banco e unha serie de plantas de maceta, que se enfeita con efectos sonoros e que finalmente se apaga e se disipa cando alguén entra pola porta: o escenario segue a ser o interior blindado e estandarizado da estación orbital.

Como demo é posible que en semellante contexto de progreso tecnolóxico, co universo enteiro a disposición do ser humano, o único horizonte de paz e felicidade veña encarnado por un banco e uns fentos? Como se explica que a única vez que se abre unha fiestra á luz do día no tramado de cables e carcasas, ou ben de lóbregos pedregais, sexa despregando o vello repertorio da pintura paisaxista, como ese "espazo de seguridade" dado polo enmarque lateral da imaxe tan empregado dende Claudio Lorena, ou o motivo do clareiro de bosque típico da Escola de Barbizón, ou simplemente ese principio enunciado por Constable polo cal a beleza pode atoparse debaixo de calquera sebe? "Non recoñezo este lugar", di Ripley deitada na cama do hospital. Precisamente porque non se atopa en lugar ningún: todo lugar implica un recoñecemento, unha memoria de escala humana, unha familiaridade, un certo afecto que ela non é quen de experimentar no buraco blindado dun búnker. E por iso procura evocar o coñecido nun trompe l'œil, un dispositivo nin sequera concibido para satisfacer tan alta arela, senón para trivializala e reducila a unha distracción entre horas, a un simple pasatempo. A saudade de Ulises toma aquí a aparencia da natureza terrestre: da luz do sol, das trémulas ramas das árbores, da herba húmida e da mesta matogueira ausentes no abismo interestelar. Pero neste caso non hai volta ao fogar: encadeada a un tempo que xa non é o dos seus seres queridos, Ripley vese abocada a retornar para sempre ao corazón dese ningures.

Do non-lugar ao lugar-absoluto: collín a idea moi rápido e, pleno de consciencia, boteime fóra por aquela porta que sempre estaba aberta. Pasadas as dez e media aínda escorregaban as últimas luces daquel xuño por entre os verdes e dourados da vexetación, formando as diferentes especies de árbores bandas cromáticas nítidas e rutilantes, namentres a terra toda se estremecía polo acorde silandeiro que o vento arrincaba das pólas e que volvía reverberado dende a rosada cúpula de mármore. Foi como espertar aliviado dun pesadelo, aferrándome forte ao presente, pero tamén algo confortado pola sensación de que os medos rara vez se fan realidade.

Fotograma de Aliens, o regreso (1986)

28 de abril de 2013

A carreira

Cando tiña once ou doce anos, unha das cousas que máis me amolaban era ter que asistir ás competicións locais de atletismo campo-a-través precisamente os sábados, os únicos días da semana que tiña dispoñibles para facer as cousas que máis gozaba. Estas carreiras resultaban enormemente estresantes para min en moitos sentidos, e xa dende os tres ou catro días previos. Eu non corría tan mal, a verdade, polo menos en comparación cos meus compañeiros de colexio, porque se ben nunca gañaba, adoitaba chegar dos primeiros nos adestramentos. Pero tiña unha concentración desastrosa, un control pésimo da mente, do ritmo e da respiración, o que me sumía bastante pronto nun remuíño de pensamentos evasivos aparellados coa insoportable ansia de chegar á meta. Esta vacilación, este desarranxo propio dunha batería viciada, aliábanse o día da carreira seria cos nervios e a xenreira de toda a semana, ata o punto de facerme dubidar que aquela agonía que me oprimía o peito fose realmente polo esforzo físico.

Resultábame moi curioso que o meu pai puxese tanto énfase en sinalar que o meu rostro non demostraba en absoluto cansazo, desfondamento ou algunha clase de impotencia física durante as carreiras. Faltábame precisamente iso para escusar o meu rendemento: rapidamente ía perdendo postos ata que me ancoraba no pelotón de cola, e dende alí avanzaba con xesto impávido, mesmo cun lixeiro ademán de indiferenza, coma se estivese noutra parte, coma se estivese a reservarme para asuntos máis importantes. Dígoo porque me vin en vídeo, porque alí estaba a cámara do meu pai para demostralo, para amosarme unha realidade que nada tiña que ver con aquel tormento que cría padecer: eu avanzaba como de paseo no medio dun pelotón de nenos gordos, colorados, rebentados, coa lingua de fóra.

Pero non souben ata hai pouco que a cousa foi aínda moito peor. No fío dunha conversa, o meu pai lembrou unha historia difícil de crer se non fora polos antecedentes. O caso é que el, que adoitaba andar de pescuda ao longo dos circuítos, dixo que unha vez me atopou detido á volta dunha curva, non vencido polo cansazo, senón pola alucinante razón de que me quedara pasmado mirando para algo que había no chan, aparentemente un papel ou folla de xornal, e que houbo de aguillarme cun berro que me asustou. Seica non hai imaxe de tan vergonzoso momento, pero mellor así, que quede como unha verdadeira construción a posteriori e que fique a dúbida de se habería en realidade algún erro de interpretación. Mesmo meu pai, abraiado, procurou explicacións de trazas sobrenaturais ao querer ver no caso o anuncio dunha suposta vocación xornalística do seu fillo, sen reparar en que aquilo, como moito, xustamente indicaba o que non podía ser unha vocación en absoluto. En canto a min, sóame vagamente que teño esa lembranza por algunha parte dentro do arquivo do meu cerebro, pero non son quen de atopala, seguramente porque a gardei baixo un título equivocado. Ou ben baixo un título diferente do que lle puxeron os outros.


Buraco nun campo de Gales (fonte)

31 de marzo de 2013

En galego

Co novo ano, decidín empezar a publicar este blog en galego. Este acto, simple e lóxico, de decantación pola lingua do meu país, queda perfectamente explicado e xustificado por si mesmo. As razóns intelectuais que se queiran engadir son por suposto optativas, e lonxe de engrandecer a vontade inicial, ás veces poden resultar superfluas e mesmo degradantes.

Hai algún problema entón? Si, hai un problema: que son moi testán e non quería cambiar o que xa estaba decidido dende un principio e que forma parte da medula do blog. Coma se non fose abondo que me pete, que queira e que me dea a gana, pasei anos postergando calquera cousa que parecese unha rectificación na espera dun pretexto servido en bandexa. Pero os pretextos ás veces non teñen unha forma sólida e contundente, senón que se van bombeando paseniño ata que xa non é posible manter a formación. Xa cando comecei en 2006 había motivos abondo para empregar o galego como lingua principal do blog; pero apenas contemplei ese camiño, decantándome case de xeito automático por un castelán que me ofrecía, e me segue a ofrecer, a vantaxe incuestionable de ser unha lingua que estimo e que coñezo ben. Aparte disto, que como mínimo é comprensible ao ser escolarizado principalmente en castelán -e son nacido en 1982-, a miña escolla inicial debeu moito á súa aparencia menos problemática: ao seu falso veo de neutralidade, de pragmatismo, de naturalidade, perversamente asociado con calidades cosmopolitas e universalizantes. Esas que, a forza de insistir, algúns converteron nun auténtico lado escuro que apedra os obxectos sagrados coa retórica do presunto progreso das promocións inmobiliarias, o mesmo progreso que mandan buscar agora aló abaixo, no fondo da emigración.

En calquera caso, o castelán non é un problema en absoluto; o problema é o galego, que non está onde ten que estar, onde eu o quero neste blog. E arranxalo supón abandonar unha lingua en favor doutra, cousa que non é un cambio epidérmico como reformar a tipografía ou a cor de fondo, senón que implica a substitución dun elemento estrutural por outro diferente que altera a personalidade do conxunto. Modificación semellante parece esixirme o comezo dun novo blog, dun edificio novo, coherente desde a cimentación, libre da sospeita de ser unha tradución forzada, unha prótese improvisada sobre un faiado vello. De feito, calquera proceso creativo atopa os seus momentos de ruptura, de reinvención. É frecuente, para calquera persoa que evolucione, que uns proxectos queden definitivamente pechados mentres outros arrancan empurrados polo vento de novas condicións vitais. Poñer punto final a un cadro, desistir de seguir acumulando punteado sobre punteado coa ilusión de estar a rabuñar faragullas de sentido, leva a entregarse ao lenzo en branco coa seguridade de estar avanzando sen perder o anterior.

Pero como vou comezar outra vez? Comezar con que? Que faría baixo un título novo, cunha maqueta nova e dentro talvez dun servizo diferente, senón escribir sobre o mesmo, unha e outra vez dando voltas arredor da mesma pedra, das mesmas imaxes? Non paga a pena simular un corte aquí, pretender que move este blog algunha ansia de dinamismo, de superación, de transformación. Nunca lle darei a este blog un remate formal: só pode ir sufrindo un proceso de extinción paulatino, cunha respiración cada vez máis leve e espazada, ata reaparecer vinte ou trinta anos despois como o fósil dun paxaro raquítico, atrofiado, enguriñado sobre si mesmo. Teño para min que En la orilla del Lete ten que continuar escaravellando a terra, e polo tanto quero supeditar calquera cambio á conservación daquela ribeira orixinal.

23 de febreiro de 2013

O señor da casa (III e final)

Sería a finais dos oitenta cando meu pai me levou ver a casa na que se criara o meu avó, nunha aldea das inmediacións do barrio lucense da Ponte. Como eu estaba afeito á casa da miña nai, agardaba atopar un equivalente paterno de similar importancia, dotado ao seu modo dos mesmos atributos e inequivocamente sinalado por grandes pedras, por amplos prados e por unha serie de habitantes que sen dúbida me recoñecerían. Pero o que finalmente me amosou meu pai foi desconcertante: sen sequera baixarmos do coche, vimos unha casoupa de lousa abeirada a un carreiro, arruinada toda, coas negras pedras espalladas por dentro e por fóra, apenas termando de vigas podres suspendidas en posicións inverosímiles, entre as que se perfilaba, como solitario vestixio do fogar, o sucio burato dunha antiga lacena. ¿Que estraña fatalidade ou cataclismo -pensei eu- ten que golpear unha casa para que quede definitivamente baleira, esbarrigándose a capricho e esquecida mesmo polos seus descendentes?

Fronte a esta experiencia, lembro outras que calquera promotor inmobiliario, aínda a estas alturas, consideraría vitalistas, progresistas e saudables na aprendizaxe dun neno de sete ou oito anos, ou polo menos este era o espírito que pretendía inculcarme un bistío materno, eterno aprendiz de construtor. Moitas das veces que nos visitaba, collíame a xogar con eses bloques de plástico interconectables, con frecuencia tratando de montar abstraccións aleatorias e sen xeito; así que o home, procurando sen dúbida estimular a miña creatividade, artellou nun santiamén un enorme ortoedro cheo de buratiños no que quixo ver o Hotel Atlántico da Coruña, presentado case como a excelencia de todas cantas cousas se podían construír na vida. Con el os tiros sempre ían polo mesmo lado, aínda que daquela xa case me parecía normal que a edificación pola edificación se defendese como o desenvolvemento natural da vida. Así que un día de campo, a carón dun chalé en construción doutro parente, experimentei un grande éxito e recoñecemento cando este tío meu eloxiou a urbanización que representei con cascallos e herbiñas arboriformes sobre un monte de area.

Tamén o vello Zacarías, irmán daqueloutro tío da miña nai e señor da casa da Estrela, tiña por diante un futuro prometedor. Mágoa que morrera antes de coñecelo. O proxecto vital que se trazara sería infalible se non fora por unha pega: tería que vivir alomenos cincocentos anos para coñecer os primeiros resultados. Se cadra por iso andaba sempre tan amargado, tan ríspeto e tan desesperado. Non sei se habería alguén no mundo con quen tivera algunha comunicación profunda; todo o seu contacto cos demais parecía abrupto, ansioso e superficial, como condicionado polas súas terribles preocupacións; e nin sequera o compensaba cunha verdadeira entrega ao seu traballo, que executaba coma se fose unha pura maldición. Para empezar, eu sentíame totalmente ignorado, coma se non existise para el, unha impresión radicalmente distinta da que coñecía co resto dos adultos, sempre dispoñibles aos nenos. Toda a relación entre nós reducíase a bruscas chamadas de atención ou ben, cando había alguén a mirar, a non menos feroces indirectas. A mellor forma de gobernar a uns nenos de cidade era botarlles as vacas detrás, alí onde andaran enredando, que era como dicir aquí trabállase e aquí mando eu.

Ao mellor porque me resulta máis doado ser indulxente cos chispazos luminosos da xente escura que cos malos momentos da xente brillante, recordo vivamente os momentos puntuais en que aquel rostro se abrandou comigo, liberándose por un intre do veo da angustia. Unha escena corresponde cunha das miñas lembranzas máis antigas: Zacarías entraba cun tractor de herba polo tortuoso camiño que ía para a casa. Como aquela máquina me marabillaba tanto, dalgún xeito alguén me animou a subir con el, ao que este accedeu con fraca convicción, permitindo que me sentase ás súas costas na puntiña sobrante do asento. Ao verme abanear, mandoume que o agarrase dos petos do pantalón ao tempo que aceleraba polas fochancas sen apenas inmutarse. Tan torpe cos nenos, aquel home en nada se parecía a meu pai, mais eu tiña que agarrarme forte a el se non quería saír polo aire. Porén, o certo é que non tiven conciencia de ningún perigo ata que meu pai, cabreadísimo, veu chegar o seu fillo dependurado daquel borracho. A outra escena é xa case do final da súa vida, con el bastante minguado en forzas, cando collemos por costume que o afeitara coa máquina sentado nunha cadeira da cociña. Daquela parecía que me collera algo de respecto, porque mentres o pelaba se amosaba caladiño e manso, cando non sorría completamente absorto, e mais cando chegaba o sábado seguinte era el quen me reclamaba como barbeiro.

Se había unha forza que turraba de Zacarías era sen dúbida o instinto de conservación: naquela altura perdera toda esperanza de acadar nada significativamente mellor, polo que todos os seus esforzos se dirixían a manter, a protexer, a eternizar o conseguido, que non era moito, pero era o que quedaba, e estaba engrandecido polo feito de que xa soamente podía ir a menos. Era un home profundamente medorento dos alleos porque viñan a trastornar o seu ecosistema; mesmo se acovardaba con quen lle levantaba a voz, evidenciando a súa total inseguridade. Pero cos propios, nomeadamente coa irmá coa que pasaba máis tempo, era unha máquina de berrar e mandar. A súa habitación, legada do anterior decano da casa, era unha boa representación deste carácter: era a única á que non tiñamos acceso libre. A súa grosa porta de madeira escura, cos seus recadros en relevo e o seu arcaico e minúsculo pomo, custodiaba a entrada como unha enigmática esfinxe, pechándose sempre con chave detrás del. Pero tanto celo abrandouse coa proximidade da morte, permitindo que a luz penetrase ata os cadavéricos órganos daquela estraña dimensión: unha xerra e unha almofía oxidadas, un inmenso somier de aramios ameazantes como os dunha trincheira e un antigo reloxo de parede con enmarque de madeira, números romanos e as agullas amputadas.

¿Como ía imaxinar Zacarías que todo o seu reino ía ser profanado? Ou case mellor a pregunta é: ¿cantos antes ca el pensaron así naquel lugar, cantos señores o sentiron perpetuamente vinculado á súa alma, cantos atoparon alí o recuncho máis axeitado para enterrarse, non obstante tantas cidades futuras como van caer sobre aquel outeiro e sobre aquela triste árbore? Ao mirar pola fiestra da habitación daquel home, parecíame contemplar a estampa dun inverno perpetuo: un labirinto de herba que se afundía cara o norte nun inmenso lameiro, alternado de devesas apertadas coma cairos diante do horizonte e cupulado cunha campá de mármore que era viva promesa de permanencia. Pero a realidade é que non hai forza espiritual capaz de repeler unha invasión, só murallas coroadas de canóns e de lanzas, sen as cales un enclave fica deitado, baleiro de vontade, engulido devagar pola terra como un paxaro morto.

¿Cantos gozos albergaría aquela fortaleza medieval que arredor de 1865 se derruíu á vista de catro antepasados de Zacarías e cuxa forma xa ninguén pode precisar? ¿Que será da herdade que medrou entre as ruínas cando mesmo aquilo que se prometía máis forte e duradeiro foi espoliado e desmantelado sen oposición? ¿Canto tempo resistirán as pedras engarzadas cos nobres perpiaños, por toda a comarca esparexidos, despois de vender o brasón de 1693, de desfacer a capela, de escaravellar nos ósos do cemiterio e de chantar como asento diante da porta unha ornamentada base columnaria do revés? A fin desas pedras non pode ser outro que a destrución e a disgregación, pois elas mesmas proceden da destrución e a disgregación de monumentos meirandes. Se as leis de desamortización foron quen de esnaquizar, sen pretendelo, mosteiros e castelos que presumiron de eternos nun contexto de baixa presión humana sobre o territorio, ¿que vai pasar coa miserable casoupa que os sucede na época en que o urbanismo e o reurbanismo intensivos galopan a xeografía dotados de poderes taumatúrxicos, como viva encarnación do progreso da humanidade? ¿Que vai pasar con aquela penela, con aquel clareiro, con aquela corredoira, con aquel lamelo, na época dos abismais buracos e dos recheos masivos, cando son provisionais os máis grandes xigantes de aceiro e son reveladas as máis secretas tumbas de Exipto?

O noso é sempre un lugar transitorio e a nosa posesión máis prezada un alleo total. Como ben saben persoas máis intelixentes e prácticas, o ideal é asumir a mentalidade de que, onde sexa que moremos, estamos de permiso. Así cadramos Zacarías e mais eu nos dominios da Estrela, dos cales fomos tamén profanadores: lonxe de ser o destino da historia, pasamos por alí coma calquera outro espigador, apañando os tesouros dos mortos. A Estrela non é un lugar; soamente unha composición aérea, efémera e fráxil, un encontro fortuíto que dura un segundo antes de que cada peza do puzzle marche polo seu lado. Non paga a pena buscar o que, no mesmo instante en que acontece, hai millóns de anos que pasou.


Fotografía: construción do Hotel La Salle en Chicago en 1909, demolido en 1976 (fonte).