Na beira do Lete

... alampan os recordos todos, como brasas atizadas polo vento da morte.

23 de febreiro de 2013

O señor da casa (III e final)

Sería a finais dos oitenta cando meu pai me levou ver a casa na que se criara o meu avó, nunha aldea das inmediacións do barrio lucense da Ponte. Como eu estaba afeito á casa da miña nai, agardaba atopar un equivalente paterno de similar importancia, dotado ao seu modo dos mesmos atributos e inequivocamente sinalado por grandes pedras, por amplos prados e por unha serie de habitantes que sen dúbida me recoñecerían. Pero o que finalmente me amosou meu pai foi desconcertante: sen sequera baixarmos do coche, vimos unha casoupa de lousa abeirada a un carreiro, arruinada toda, coas negras pedras espalladas por dentro e por fóra, apenas termando de vigas podres suspendidas en posicións inverosímiles, entre as que se perfilaba, como solitario vestixio do fogar, o sucio burato dunha antiga lacena. ¿Que estraña fatalidade ou cataclismo -pensei eu- ten que golpear unha casa para que quede definitivamente baleira, esbarrigándose a capricho e esquecida mesmo polos seus descendentes?

Fronte a esta experiencia, lembro outras que calquera promotor inmobiliario, aínda a estas alturas, consideraría vitalistas, progresistas e saudables na aprendizaxe dun neno de sete ou oito anos, ou polo menos este era o espírito que pretendía inculcarme un bistío materno, eterno aprendiz de construtor. Moitas das veces que nos visitaba, collíame a xogar con eses bloques de plástico interconectables, con frecuencia tratando de montar abstraccións aleatorias e sen xeito; así que o home, procurando sen dúbida estimular a miña creatividade, artellou nun santiamén un enorme ortoedro cheo de buratiños no que quixo ver o Hotel Atlántico da Coruña, presentado case como a excelencia de todas cantas cousas se podían construír na vida. Con el os tiros sempre ían polo mesmo lado, aínda que daquela xa case me parecía normal que a edificación pola edificación se defendese como o desenvolvemento natural da vida. Así que un día de campo, a carón dun chalé en construción doutro parente, experimentei un grande éxito e recoñecemento cando este tío meu eloxiou a urbanización que representei con cascallos e herbiñas arboriformes sobre un monte de area.

Tamén o vello Zacarías, irmán daqueloutro tío da miña nai e señor da casa da Estrela, tiña por diante un futuro prometedor. Mágoa que morrera antes de coñecelo. O proxecto vital que se trazara sería infalible se non fora por unha pega: tería que vivir alomenos cincocentos anos para coñecer os primeiros resultados. Se cadra por iso andaba sempre tan amargado, tan ríspeto e tan desesperado. Non sei se habería alguén no mundo con quen tivera algunha comunicación profunda; todo o seu contacto cos demais parecía abrupto, ansioso e superficial, como condicionado polas súas terribles preocupacións; e nin sequera o compensaba cunha verdadeira entrega ao seu traballo, que executaba coma se fose unha pura maldición. Para empezar, eu sentíame totalmente ignorado, coma se non existise para el, unha impresión radicalmente distinta da que coñecía co resto dos adultos, sempre dispoñibles aos nenos. Toda a relación entre nós reducíase a bruscas chamadas de atención ou ben, cando había alguén a mirar, a non menos feroces indirectas. A mellor forma de gobernar a uns nenos de cidade era botarlles as vacas detrás, alí onde andaran enredando, que era como dicir aquí trabállase e aquí mando eu.

Ao mellor porque me resulta máis doado ser indulxente cos chispazos luminosos da xente escura que cos malos momentos da xente brillante, recordo vivamente os momentos puntuais en que aquel rostro se abrandou comigo, liberándose por un intre do veo da angustia. Unha escena corresponde cunha das miñas lembranzas máis antigas: Zacarías entraba cun tractor de herba polo tortuoso camiño que ía para a casa. Como aquela máquina me marabillaba tanto, dalgún xeito alguén me animou a subir con el, ao que este accedeu con fraca convicción, permitindo que me sentase ás súas costas na puntiña sobrante do asento. Ao verme abanear, mandoume que o agarrase dos petos do pantalón ao tempo que aceleraba polas fochancas sen apenas inmutarse. Tan torpe cos nenos, aquel home en nada se parecía a meu pai, mais eu tiña que agarrarme forte a el se non quería saír polo aire. Porén, o certo é que non tiven conciencia de ningún perigo ata que meu pai, cabreadísimo, veu chegar o seu fillo dependurado daquel borracho. A outra escena é xa case do final da súa vida, con el bastante minguado en forzas, cando collemos por costume que o afeitara coa máquina sentado nunha cadeira da cociña. Daquela parecía que me collera algo de respecto, porque mentres o pelaba se amosaba caladiño e manso, cando non sorría completamente absorto, e mais cando chegaba o sábado seguinte era el quen me reclamaba como barbeiro.

Se había unha forza que turraba de Zacarías era sen dúbida o instinto de conservación: naquela altura perdera toda esperanza de acadar nada significativamente mellor, polo que todos os seus esforzos se dirixían a manter, a protexer, a eternizar o conseguido, que non era moito, pero era o que quedaba, e estaba engrandecido polo feito de que xa soamente podía ir a menos. Era un home profundamente medorento dos alleos porque viñan a trastornar o seu ecosistema; mesmo se acovardaba con quen lle levantaba a voz, evidenciando a súa total inseguridade. Pero cos propios, nomeadamente coa irmá coa que pasaba máis tempo, era unha máquina de berrar e mandar. A súa habitación, legada do anterior decano da casa, era unha boa representación deste carácter: era a única á que non tiñamos acceso libre. A súa grosa porta de madeira escura, cos seus recadros en relevo e o seu arcaico e minúsculo pomo, custodiaba a entrada como unha enigmática esfinxe, pechándose sempre con chave detrás del. Pero tanto celo abrandouse coa proximidade da morte, permitindo que a luz penetrase ata os cadavéricos órganos daquela estraña dimensión: unha xerra e unha almofía oxidadas, un inmenso somier de aramios ameazantes como os dunha trincheira e un antigo reloxo de parede con enmarque de madeira, números romanos e as agullas amputadas.

¿Como ía imaxinar Zacarías que todo o seu reino ía ser profanado? Ou case mellor a pregunta é: ¿cantos antes ca el pensaron así naquel lugar, cantos señores o sentiron perpetuamente vinculado á súa alma, cantos atoparon alí o recuncho máis axeitado para enterrarse, non obstante tantas cidades futuras como van caer sobre aquel outeiro e sobre aquela triste árbore? Ao mirar pola fiestra da habitación daquel home, parecíame contemplar a estampa dun inverno perpetuo: un labirinto de herba que se afundía cara o norte nun inmenso lameiro, alternado de devesas apertadas coma cairos diante do horizonte e cupulado cunha campá de mármore que era viva promesa de permanencia. Pero a realidade é que non hai forza espiritual capaz de repeler unha invasión, só murallas coroadas de canóns e de lanzas, sen as cales un enclave fica deitado, baleiro de vontade, engulido devagar pola terra como un paxaro morto.

¿Cantos gozos albergaría aquela fortaleza medieval que arredor de 1865 se derruíu á vista de catro antepasados de Zacarías e cuxa forma xa ninguén pode precisar? ¿Que será da herdade que medrou entre as ruínas cando mesmo aquilo que se prometía máis forte e duradeiro foi espoliado e desmantelado sen oposición? ¿Canto tempo resistirán as pedras engarzadas cos nobres perpiaños, por toda a comarca esparexidos, despois de vender o brasón de 1693, de desfacer a capela, de escaravellar nos ósos do cemiterio e de chantar como asento diante da porta unha ornamentada base columnaria do revés? A fin desas pedras non pode ser outro que a destrución e a disgregación, pois elas mesmas proceden da destrución e a disgregación de monumentos meirandes. Se as leis de desamortización foron quen de esnaquizar, sen pretendelo, mosteiros e castelos que presumiron de eternos nun contexto de baixa presión humana sobre o territorio, ¿que vai pasar coa miserable casoupa que os sucede na época en que o urbanismo e o reurbanismo intensivos galopan a xeografía dotados de poderes taumatúrxicos, como viva encarnación do progreso da humanidade? ¿Que vai pasar con aquela penela, con aquel clareiro, con aquela corredoira, con aquel lamelo, na época dos abismais buracos e dos recheos masivos, cando son provisionais os máis grandes xigantes de aceiro e son reveladas as máis secretas tumbas de Exipto?

O noso é sempre un lugar transitorio e a nosa posesión máis prezada un alleo total. Como ben saben persoas máis intelixentes e prácticas, o ideal é asumir a mentalidade de que, onde sexa que moremos, estamos de permiso. Así cadramos Zacarías e mais eu nos dominios da Estrela, dos cales fomos tamén profanadores: lonxe de ser o destino da historia, pasamos por alí coma calquera outro espigador, apañando os tesouros dos mortos. A Estrela non é un lugar; soamente unha composición aérea, efémera e fráxil, un encontro fortuíto que dura un segundo antes de que cada peza do puzzle marche polo seu lado. Non paga a pena buscar o que, no mesmo instante en que acontece, hai millóns de anos que pasou.


Fotografía: construción do Hotel La Salle en Chicago en 1909, demolido en 1976 (fonte). 

0 comentarios:

Publicar un comentario