Na beira do Lete

... alampan os recordos todos, como brasas atizadas polo vento da morte.

28 de outubro de 2013

A muralla de Zenón

Máis forte ca unha muralla de aceiro pode ser unha idea equivocada, con tal de que se manteña a conciencia, como unha teima, coma se fose o único que existise no mundo, concentrando toda a forza da mente en estreitala entre os brazos cos ollos ben pechados. Preso desta cegueira, a infinidade do espazo aparecéuseme durante un tempo como garantía de protección contra as diferentes ameazas do mundo, polas mesmas razóns polas que unha frecha disparada nunca chega realmente ao seu destino, nin pode nunca Aquiles gañarlle a carreira á tartaruga.

Supeditar a felicidade a un lugar determinado, é dicir, a unha paisaxe concreta, é dicir, a un espazo acoutado que se contempla dende un punto, presupón a existencia dun espazo permanente e inalterable. Algo perfectamente factible cando se considera que hai no mundo un excedente tal de espazo, de territorio, que calquera desprazamento ou alteración nel non é máis ca unha ilusión, e polo tanto non pode acoller cambios significativos. Noutras palabras: como vai un exército de colonos invasores, baioneta en man, aprender os retortos camiños que levan a unha illa afastada e remota, na que non hai ningún tesouro que espoliar? Como se vai crer que chegaron os romanos, tan só coas súas armas e as súas pernas, a recunchos inhóspitos á beira do Atlántico? Que broma é esa de que uns homes chegaron á lúa? Como vai chegar un plan urbanístico, unha desas cuadrículas de Hipódamo, a unha paraxe sen xente, salteada de ondulacións, de árbores, de penedos, de fendas e de intricadas cavernas? Como te vai atopar unha noticia indesexada cando te vas agochar no sitio máis arredado imaxinable? Como vai chegar o mosquito X ou a bacteria Y, autóctonas dunha illa do sueste asiático, a un val perdido no occidente de Europa, concretamente a unha casa tan diminuta que nin sequera se lembraron de poñela no mapa? Como vai caber todo o planeta en Google Earth? Quen vai dar co nó, que hai na febra, que hai na agulla, que hai na pata, que hai na lora, que hai na cama, que hai na alcoba, que hai na casa, que hai na esquina, que hai na praza, na cidade de Pamplona? E, por todo isto, como imos nós ser quen de saír, de perdernos na terra incógnita extramuros, se todo canto podemos andar é para percorrer a infinitude do mesmo lugar?

Rematando a infinita cadea de obstáculos que se lle pode poñer ao mundo dende esta perspectiva, aparécese como derradeiro reduto a mente. A mente é o consolo último de quen, desbordadas as súas barreiras físicas por unha forza extraordinaria e fatal, ve reducido o seu espazo a uns metros de alxube, ou se cadra se ve atrapado nuns milímetros apenas suficientes para coller aire e para asentir coa cabeza. Velaí que os máis fortes se somerxen na súa idea liberadora, dando a entender que absolutamente nada do que pase fóra lles pode arrebatar o seu ben máis prezado, porque o seu reino non é deste mundo. Así un San Sebastián, cando morre frecheado, pretende demostrar aos seus asasinos que todo canto o torturen é inútil, porque a súa fe vive nun universo independente do que se pode destruír coas armas, todo o cal resolve a aporía de Zenón afirmando que a frecha nin sequera sae do arco. Esta estratexia da ataraxia, da mente que acada a felicidade pola vía da emancipación do mundo, ten unha longa tradición que vai máis alá dos mártires cristiáns. A súa raíz é estoica, e ten como un dos seus primeiros defensores a Epicteto, un escravo romano que atopa consolo á súa situación afirmando que un é tan libre como queira ser, sexa cal sexa a súa situación material, ou dito doutro xeito, que na mente un sempre pode ser libre. Un mesmo estilo, unha parecida fortaleza mental, debe de ser a que guía a Viktor Frankl durante a súa reclusión nos campos de concentración da Alemaña nazi, o que lle da pé para desenvolver unha psicoterapia relacionada coa busca do sentido da vida.

"Poderán facerlle calquera cousa ao meu corpo, pero non á miña mente": este é un argumento moi contundente, practicamente irrefutable. Tanto como que a frecha de Zenón ten que percorrer infinitos puntos e polo tanto non se move do sitio. Por iso, cando semellantes evidencias son superadas pola realidade a confusión é total. Vale que é suicida poñerse tras dunha muralla de aceiro, no embigo do mundo coma unha Constantinopla; pero polo menos nos quedaba a inmensa e inhóspita estepa, que criamos ignorada polos incontables poderes que pugnan por conquistar a terra. Cando os Estados Unidos ameazan con que na infinidade do planeta "there's no cave deep enough for America, or dark enough to hide", xa sabemos que van absolutamente en serio. A felicidade está na mente, si. Pero na mente todo vén dado, vén dende fóra, dende o outro, como se fose unha poza que vai recibindo a auga que escorrega pola montaña e que, cando se forma nunha cunca de rocha, resiste as crecidas do inverno, pero cando é un furado brando de lama, desbórdase e desfigúrase dun ano para outro ata quedar irrecoñecible. O consolo, efectivamente, non é deste mundo, está nun plano diferente da realidade: a extensión do espazo segue a ser limitada por moito que sexa infinitamente divisible, e a frecha chega efectivamente ao seu destino co consentimento da intelixencia ou sen el. Acaso vai o furacán a pararse a resolver o labirinto que lle debuxemos no chan polo que pasa?



Fotograma de When the Wind Blows, 1986

30 de agosto de 2013

A unidade de medida

A todos nos agrada recibir unha compensación en forma de diñeiro polo noso traballo, é dicir, polo esforzo que dedicamos a producir algo máis ou menos recoñecido pola comunidade, privándonos así dun tempo da nosa vida que, doutro xeito, poderíamos encher con actividades pracenteiras. Pero a estas alturas a ninguén se lle escapa que os cartos non representan unha unidade de esforzo, de produtividade ou de talento, senón que simplemente son unha unidade de poder, e nese sentido non revelan tanto unhas causas como unhas consecuencias. Non hai correlación, nin a houbo nunca, entre traballo e beneficio; o único que hai son persoas interesadas en propagar esa ilusión apelando a mostras parciais e raquíticas. A relación que se establece entre traballo e ganancia é arbitraria, practicamente aleatoria, non menos accidental que a saúde que un goza, e pretender que existe como regra xeral é tan absurdo como defender unha conexión entre a intelixencia e o champú.

As probas son tan abundantes como contundentes: a enxeñería financeira, calquera pode constatalo malia á muralla de tecnicismos con que se agocha tradicionalmente o estafador, explota a volatilidade da abstracción que representa o diñeiro para obter un beneficio sen mediación dunha verdadeira actividade produtiva, ás veces en cuestión de minutos, aproveitando o simple manexo de información privilexiada. Meritorio ou non, gañar cartos ten dende vello máis que ver coa retorta estrucia que cun esforzo titánico proxectado cara a adiante: as argucias, as letras pequenas, ese pequeno recuncho do río onde poñemos a rede sen que ninguén se decate. Pero diante dos meirandes defraudadores do público que se gaban dos seus méritos, están infinidade de traballadores doutros países consagrados a un sacrificio moi superior a cambio dunha paga ridícula, condicionados pola fortuna de vivir nun país cunha divisa feble e cunhas condicións laborais medievais. Exemplo perfecto dánolo actualmente a nosa clase política, ateigada dos mesmos vellos viláns que se plasman sen controversia nos libros de historia, emperadores putrefactos e decadentes, superviventes natos, sen escrúpulos, que non teñen reparo en xustificar os seus privilexios coa coartada xa dunha intelixencia ou habilidade superiores, xa de extraordinarias responsabilidades e sufrimentos.

Calquera entende que o sistema capitalista non vai propiciar por si mesmo unhas condicións materiais equitativas, precisamente porque está concibido para o contrario. Pero é que nin sequera exerce remotamente, malia as repetidas falacias dos seus apóstolos ideolóxicos, a que se presume como a principal facultade do liberalismo económico: a xusta valoración do mérito individual e, por extensión, a consecución dunhas condicións materiais máis xustas para o home. A xustiza, entendida como dar a cadaquén o que lle corresponde en función dunha determinada valía, é un obxectivo que, condicionado polos diferentes marcos monetarios e por políticas macroeconómicas ao servizo de intereses parciais, cada vez semella máis acadarse por pura casualidade, en contados lugares e puntuais sectores. Isto, nunha perspectiva global inclusiva de todos os individuos, simplemente demostra que un sistema baseado nos cartos como unidade de medida dos bens materiais pode ser absolutamente impreciso e disfuncional, especialmente cando non se valora a necesidade
de políticas correctoras. Eu, neste momento puntual, podo dicir que me sinto compensado economicamente; pero iso non di nada sobre a xustiza estrutural do sistema: por cada persoa que coñezo que defende cos dentes o seu estatus ("yo me lo he ganado"), coñezo vintecinco que están en precario con superior valía. Claro que non faltará quen diga que a única valía que hai é facer cartos, non importa cómo, e o demais é puro ornamento.

Imaxe: kilogramo prototipo internacional (fonte)

28 de xullo de 2013

O ceo

Dentro do cadro, o ceo posúe un potencial dramático de primeira orde. A terra é inmensa, está chea de perspectivas descoñecidas e abraiantes, de recunchos insólitos e de amplitudes que fan vibrar de emoción. Pero ao pé dunha paisaxe ordinaria, intranscendente, colonizada toda de edificacións provisionais e de vías de comunicación que se van espesando en arroutadas, o ceo aparece como un referente monumental, capaz de activar o resto do panorama en clave sentimental, apelando a un proceso subxectivo de sinestesia polo cal o pintor identifica a paisaxe cun estado da súa alma.

O ceo ábrese como un inmenso lucernario no teito dunha casa pobre e escura, deixando caer sobre as súas estancias a súa puntual disposición de luces, de cores, de nubes, como un océano que se desborda en todas direccións, que turra do observador cara ao abismo aéreo, inxectándolle no estómago o formigo da vertixe e no peito unha sede terrible daquelas cordilleiras etéreas. No seu bulir constante, o ceo abre por veces a capota uniforme para pautar a súa descomunal altura con longas escaleiras que se descolgan en acordeón, que conducen a xigantescos palacios, selvas e vales, coroados máis arriba por outros palacios, e campos, e ríos, e máis polas torres doutros palacios, que erguen as súas bandeiras baixo as montañas, así nun capricho arquitectónico interminable.

Abstracto e aleatorio nos seus debuxos, o ceo nunca se repite; mais antes que ser síntoma de intranscendencia, isto outórgalle un sentido de universalidade e de intemporalidade: o ceo ten a facultade de proxectar no home calquera cousa que imaxine, pois non é a súa forma puntual, senón a súa amplitude, o seu dinamismo e os seus contrastes de luz e cor, os que inducen efectos semellantes nun cerebro encapotado, descubríndolle diante de si unha terra que xa só parecía relegada á memoria.



Ceo sobre Santiago de Compostela (25-VII-2013)

30 de xuño de 2013

O arco

Os vellos son o punto final dun arco que leva aos homes paseniño ata o principio. Ser vello é ser neno dúas veces, como adoitan dicir, pero especialmente tamén cando acompaña a enfermidade da demencia, que supón un ir desaprendendo en sentido inverso ao que sucedera nas primeiras etapas da vida. Por ese camiño, a antesala da morte debe de aparecerse a quen se atopa nela como o mesmo principio da vida: unha poza de areas movedizas, unha treboada, o mesmo caos baleiro de toda memoria e de toda idea, onde todo contacto co mundo circundante queda reducido ao pracer ou dispracer mecánico que invade o corpo en cada instante. Se hai un inferno non pode ser outro que esa zona de tránsito que se establece ao principio e ao final da vida, en estancias illadas do mundo onde seres en similar estado salaian e choran durante incontables días, onde os músculos da conciencia fican destensados como as cordas dunha guitarra que podrece nun faio.

O meu tioavó sempre dicía antes de morrer que quería que o queimaran. "Cando morra, lume!", dicía. Coma unha especie de gnóstico moderno, non cansaba de desprezar o corpo coma se representase unha excrecencia contaminada da vida, aínda que só fose por ver frustrado tantas veces o seu ideal hedonista. O que sempre arrastrara como unha especie de complexo por nacer frouxo, enfermizo e ruín, atribuído ao desfondamento dunha nai obrigada a parir ata dúas veces nun ano, converteuse no final da súa vida en resentimento contra a idea mesma da materia, aberración dolorosa e purulenta que só desaparecendo podía curarse. Pero non quería desaparecer de calquera xeito, transformado nun formigueiro de vermes na agarda da cristiá resurrección da carne: a súa esperanza era devolver unha vinganza definitiva, a liberación de todo rastro, de toda nostalxia do mundo, a través do lume purificador. A casualidade quixo que morrese o 25 do mes de San Xoán, o mesmo día ca seu pai.

31 de maio de 2013

A escapatoria (I)

Estaba ansioso cando vin comezar por primeira vez a película Aliens, o regreso (James Cameron, 1986). Despois dunha primeira entrega asfixiante, de pura claustrofobia, ese "regreso" que se anunciaba no título español figurábaseme como unha alusión á volta á Terra da protagonista Ellen Ripley. De feito, as primeiras escenas contan como a mandan cara a alí cando é rescatada, despois de 57 anos de hipersono, como única supervivente do cargueiro espacial Nostromo. De seguido, amósasenos brevemente o familiar e azulado orbe, verdadeiro final feliz do pesadelo que dirixira Scott; pero apenas descendemos coa vista sobre o planeta, nunha xogada desacougante, irrompe no plano a escura estampa dunha estación orbital. Este é o destino final de Ripley, que no canto de terra firme, desembarca noutro limbo hermético e rigorosamente tapiado, agora dominado pola cor branca, onde o que atopa, no canto de hospitalidade, son os burócratas da empresa armadora afanados en responsabilizala dos danos sufridos pola misión.

Despois dunha elipse, un momento de esperanza, unha escapatoria: Ripley aparece perante un bosque, sentada nun banco, ensumida no murmurio dos paxaros. Se cadra, liberada das súas obrigas profesionais unha vez sancionada coa perda da licenza de voo espacial, acada por fin o descanso nalgún lugar coñecido da superficie terrestre: un lugar aberto como unha fiestra entre os fentos, que se vai graduando dende a fresca e húmida sombra que proporciona o dosel arbóreo do primeiro termo ata o clareiro do fondo, no que as formas se desintegran atravesadas por un potente sol de mediodía. A continuación, un leve paneo á dereita revela que Ripley contempla unha natureza artificial, unha imaxe que se representa momentaneamente nunha gran pantalla perante a que se coloca o banco e unha serie de plantas de maceta, que se enfeita con efectos sonoros e que finalmente se apaga e se disipa cando alguén entra pola porta: o escenario segue a ser o interior blindado e estandarizado da estación orbital.

Como demo é posible que en semellante contexto de progreso tecnolóxico, co universo enteiro a disposición do ser humano, o único horizonte de paz e felicidade veña encarnado por un banco e uns fentos? Como se explica que a única vez que se abre unha fiestra á luz do día no tramado de cables e carcasas, ou ben de lóbregos pedregais, sexa despregando o vello repertorio da pintura paisaxista, como ese "espazo de seguridade" dado polo enmarque lateral da imaxe tan empregado dende Claudio Lorena, ou o motivo do clareiro de bosque típico da Escola de Barbizón, ou simplemente ese principio enunciado por Constable polo cal a beleza pode atoparse debaixo de calquera sebe? "Non recoñezo este lugar", di Ripley deitada na cama do hospital. Precisamente porque non se atopa en lugar ningún: todo lugar implica un recoñecemento, unha memoria de escala humana, unha familiaridade, un certo afecto que ela non é quen de experimentar no buraco blindado dun búnker. E por iso procura evocar o coñecido nun trompe l'œil, un dispositivo nin sequera concibido para satisfacer tan alta arela, senón para trivializala e reducila a unha distracción entre horas, a un simple pasatempo. A saudade de Ulises toma aquí a aparencia da natureza terrestre: da luz do sol, das trémulas ramas das árbores, da herba húmida e da mesta matogueira ausentes no abismo interestelar. Pero neste caso non hai volta ao fogar: encadeada a un tempo que xa non é o dos seus seres queridos, Ripley vese abocada a retornar para sempre ao corazón dese ningures.

Do non-lugar ao lugar-absoluto: collín a idea moi rápido e, pleno de consciencia, boteime fóra por aquela porta que sempre estaba aberta. Pasadas as dez e media aínda escorregaban as últimas luces daquel xuño por entre os verdes e dourados da vexetación, formando as diferentes especies de árbores bandas cromáticas nítidas e rutilantes, namentres a terra toda se estremecía polo acorde silandeiro que o vento arrincaba das pólas e que volvía reverberado dende a rosada cúpula de mármore. Foi como espertar aliviado dun pesadelo, aferrándome forte ao presente, pero tamén algo confortado pola sensación de que os medos rara vez se fan realidade.

Fotograma de Aliens, o regreso (1986)