Na beira do Lete

... alampan os recordos todos, como brasas atizadas polo vento da morte.

30 de agosto de 2013

A unidade de medida

A todos nos agrada recibir unha compensación en forma de diñeiro polo noso traballo, é dicir, polo esforzo que dedicamos a producir algo máis ou menos recoñecido pola comunidade, privándonos así dun tempo da nosa vida que, doutro xeito, poderíamos encher con actividades pracenteiras. Pero a estas alturas a ninguén se lle escapa que os cartos non representan unha unidade de esforzo, de produtividade ou de talento, senón que simplemente son unha unidade de poder, e nese sentido non revelan tanto unhas causas como unhas consecuencias. Non hai correlación, nin a houbo nunca, entre traballo e beneficio; o único que hai son persoas interesadas en propagar esa ilusión apelando a mostras parciais e raquíticas. A relación que se establece entre traballo e ganancia é arbitraria, practicamente aleatoria, non menos accidental que a saúde que un goza, e pretender que existe como regra xeral é tan absurdo como defender unha conexión entre a intelixencia e o champú.

As probas son tan abundantes como contundentes: a enxeñería financeira, calquera pode constatalo malia á muralla de tecnicismos con que se agocha tradicionalmente o estafador, explota a volatilidade da abstracción que representa o diñeiro para obter un beneficio sen mediación dunha verdadeira actividade produtiva, ás veces en cuestión de minutos, aproveitando o simple manexo de información privilexiada. Meritorio ou non, gañar cartos ten dende vello máis que ver coa retorta estrucia que cun esforzo titánico proxectado cara a adiante: as argucias, as letras pequenas, ese pequeno recuncho do río onde poñemos a rede sen que ninguén se decate. Pero diante dos meirandes defraudadores do público que se gaban dos seus méritos, están infinidade de traballadores doutros países consagrados a un sacrificio moi superior a cambio dunha paga ridícula, condicionados pola fortuna de vivir nun país cunha divisa feble e cunhas condicións laborais medievais. Exemplo perfecto dánolo actualmente a nosa clase política, ateigada dos mesmos vellos viláns que se plasman sen controversia nos libros de historia, emperadores putrefactos e decadentes, superviventes natos, sen escrúpulos, que non teñen reparo en xustificar os seus privilexios coa coartada xa dunha intelixencia ou habilidade superiores, xa de extraordinarias responsabilidades e sufrimentos.

Calquera entende que o sistema capitalista non vai propiciar por si mesmo unhas condicións materiais equitativas, precisamente porque está concibido para o contrario. Pero é que nin sequera exerce remotamente, malia as repetidas falacias dos seus apóstolos ideolóxicos, a que se presume como a principal facultade do liberalismo económico: a xusta valoración do mérito individual e, por extensión, a consecución dunhas condicións materiais máis xustas para o home. A xustiza, entendida como dar a cadaquén o que lle corresponde en función dunha determinada valía, é un obxectivo que, condicionado polos diferentes marcos monetarios e por políticas macroeconómicas ao servizo de intereses parciais, cada vez semella máis acadarse por pura casualidade, en contados lugares e puntuais sectores. Isto, nunha perspectiva global inclusiva de todos os individuos, simplemente demostra que un sistema baseado nos cartos como unidade de medida dos bens materiais pode ser absolutamente impreciso e disfuncional, especialmente cando non se valora a necesidade
de políticas correctoras. Eu, neste momento puntual, podo dicir que me sinto compensado economicamente; pero iso non di nada sobre a xustiza estrutural do sistema: por cada persoa que coñezo que defende cos dentes o seu estatus ("yo me lo he ganado"), coñezo vintecinco que están en precario con superior valía. Claro que non faltará quen diga que a única valía que hai é facer cartos, non importa cómo, e o demais é puro ornamento.

Imaxe: kilogramo prototipo internacional (fonte)

28 de xullo de 2013

O ceo

Dentro do cadro, o ceo posúe un potencial dramático de primeira orde. A terra é inmensa, está chea de perspectivas descoñecidas e abraiantes, de recunchos insólitos e de amplitudes que fan vibrar de emoción. Pero ao pé dunha paisaxe ordinaria, intranscendente, colonizada toda de edificacións provisionais e de vías de comunicación que se van espesando en arroutadas, o ceo aparece como un referente monumental, capaz de activar o resto do panorama en clave sentimental, apelando a un proceso subxectivo de sinestesia polo cal o pintor identifica a paisaxe cun estado da súa alma.

O ceo ábrese como un inmenso lucernario no teito dunha casa pobre e escura, deixando caer sobre as súas estancias a súa puntual disposición de luces, de cores, de nubes, como un océano que se desborda en todas direccións, que turra do observador cara ao abismo aéreo, inxectándolle no estómago o formigo da vertixe e no peito unha sede terrible daquelas cordilleiras etéreas. No seu bulir constante, o ceo abre por veces a capota uniforme para pautar a súa descomunal altura con longas escaleiras que se descolgan en acordeón, que conducen a xigantescos palacios, selvas e vales, coroados máis arriba por outros palacios, e campos, e ríos, e máis polas torres doutros palacios, que erguen as súas bandeiras baixo as montañas, así nun capricho arquitectónico interminable.

Abstracto e aleatorio nos seus debuxos, o ceo nunca se repite; mais antes que ser síntoma de intranscendencia, isto outórgalle un sentido de universalidade e de intemporalidade: o ceo ten a facultade de proxectar no home calquera cousa que imaxine, pois non é a súa forma puntual, senón a súa amplitude, o seu dinamismo e os seus contrastes de luz e cor, os que inducen efectos semellantes nun cerebro encapotado, descubríndolle diante de si unha terra que xa só parecía relegada á memoria.



Ceo sobre Santiago de Compostela (25-VII-2013)

30 de xuño de 2013

O arco

Os vellos son o punto final dun arco que leva aos homes paseniño ata o principio. Ser vello é ser neno dúas veces, como adoitan dicir, pero especialmente tamén cando acompaña a enfermidade da demencia, que supón un ir desaprendendo en sentido inverso ao que sucedera nas primeiras etapas da vida. Por ese camiño, a antesala da morte debe de aparecerse a quen se atopa nela como o mesmo principio da vida: unha poza de areas movedizas, unha treboada, o mesmo caos baleiro de toda memoria e de toda idea, onde todo contacto co mundo circundante queda reducido ao pracer ou dispracer mecánico que invade o corpo en cada instante. Se hai un inferno non pode ser outro que esa zona de tránsito que se establece ao principio e ao final da vida, en estancias illadas do mundo onde seres en similar estado salaian e choran durante incontables días, onde os músculos da conciencia fican destensados como as cordas dunha guitarra que podrece nun faio.

O meu tioavó sempre dicía antes de morrer que quería que o queimaran. "Cando morra, lume!", dicía. Coma unha especie de gnóstico moderno, non cansaba de desprezar o corpo coma se representase unha excrecencia contaminada da vida, aínda que só fose por ver frustrado tantas veces o seu ideal hedonista. O que sempre arrastrara como unha especie de complexo por nacer frouxo, enfermizo e ruín, atribuído ao desfondamento dunha nai obrigada a parir ata dúas veces nun ano, converteuse no final da súa vida en resentimento contra a idea mesma da materia, aberración dolorosa e purulenta que só desaparecendo podía curarse. Pero non quería desaparecer de calquera xeito, transformado nun formigueiro de vermes na agarda da cristiá resurrección da carne: a súa esperanza era devolver unha vinganza definitiva, a liberación de todo rastro, de toda nostalxia do mundo, a través do lume purificador. A casualidade quixo que morrese o 25 do mes de San Xoán, o mesmo día ca seu pai.

31 de maio de 2013

A escapatoria (I)

Estaba ansioso cando vin comezar por primeira vez a película Aliens, o regreso (James Cameron, 1986). Despois dunha primeira entrega asfixiante, de pura claustrofobia, ese "regreso" que se anunciaba no título español figurábaseme como unha alusión á volta á Terra da protagonista Ellen Ripley. De feito, as primeiras escenas contan como a mandan cara a alí cando é rescatada, despois de 57 anos de hipersono, como única supervivente do cargueiro espacial Nostromo. De seguido, amósasenos brevemente o familiar e azulado orbe, verdadeiro final feliz do pesadelo que dirixira Scott; pero apenas descendemos coa vista sobre o planeta, nunha xogada desacougante, irrompe no plano a escura estampa dunha estación orbital. Este é o destino final de Ripley, que no canto de terra firme, desembarca noutro limbo hermético e rigorosamente tapiado, agora dominado pola cor branca, onde o que atopa, no canto de hospitalidade, son os burócratas da empresa armadora afanados en responsabilizala dos danos sufridos pola misión.

Despois dunha elipse, un momento de esperanza, unha escapatoria: Ripley aparece perante un bosque, sentada nun banco, ensumida no murmurio dos paxaros. Se cadra, liberada das súas obrigas profesionais unha vez sancionada coa perda da licenza de voo espacial, acada por fin o descanso nalgún lugar coñecido da superficie terrestre: un lugar aberto como unha fiestra entre os fentos, que se vai graduando dende a fresca e húmida sombra que proporciona o dosel arbóreo do primeiro termo ata o clareiro do fondo, no que as formas se desintegran atravesadas por un potente sol de mediodía. A continuación, un leve paneo á dereita revela que Ripley contempla unha natureza artificial, unha imaxe que se representa momentaneamente nunha gran pantalla perante a que se coloca o banco e unha serie de plantas de maceta, que se enfeita con efectos sonoros e que finalmente se apaga e se disipa cando alguén entra pola porta: o escenario segue a ser o interior blindado e estandarizado da estación orbital.

Como demo é posible que en semellante contexto de progreso tecnolóxico, co universo enteiro a disposición do ser humano, o único horizonte de paz e felicidade veña encarnado por un banco e uns fentos? Como se explica que a única vez que se abre unha fiestra á luz do día no tramado de cables e carcasas, ou ben de lóbregos pedregais, sexa despregando o vello repertorio da pintura paisaxista, como ese "espazo de seguridade" dado polo enmarque lateral da imaxe tan empregado dende Claudio Lorena, ou o motivo do clareiro de bosque típico da Escola de Barbizón, ou simplemente ese principio enunciado por Constable polo cal a beleza pode atoparse debaixo de calquera sebe? "Non recoñezo este lugar", di Ripley deitada na cama do hospital. Precisamente porque non se atopa en lugar ningún: todo lugar implica un recoñecemento, unha memoria de escala humana, unha familiaridade, un certo afecto que ela non é quen de experimentar no buraco blindado dun búnker. E por iso procura evocar o coñecido nun trompe l'œil, un dispositivo nin sequera concibido para satisfacer tan alta arela, senón para trivializala e reducila a unha distracción entre horas, a un simple pasatempo. A saudade de Ulises toma aquí a aparencia da natureza terrestre: da luz do sol, das trémulas ramas das árbores, da herba húmida e da mesta matogueira ausentes no abismo interestelar. Pero neste caso non hai volta ao fogar: encadeada a un tempo que xa non é o dos seus seres queridos, Ripley vese abocada a retornar para sempre ao corazón dese ningures.

Do non-lugar ao lugar-absoluto: collín a idea moi rápido e, pleno de consciencia, boteime fóra por aquela porta que sempre estaba aberta. Pasadas as dez e media aínda escorregaban as últimas luces daquel xuño por entre os verdes e dourados da vexetación, formando as diferentes especies de árbores bandas cromáticas nítidas e rutilantes, namentres a terra toda se estremecía polo acorde silandeiro que o vento arrincaba das pólas e que volvía reverberado dende a rosada cúpula de mármore. Foi como espertar aliviado dun pesadelo, aferrándome forte ao presente, pero tamén algo confortado pola sensación de que os medos rara vez se fan realidade.

Fotograma de Aliens, o regreso (1986)

28 de abril de 2013

A carreira

Cando tiña once ou doce anos, unha das cousas que máis me amolaban era ter que asistir ás competicións locais de atletismo campo-a-través precisamente os sábados, os únicos días da semana que tiña dispoñibles para facer as cousas que máis gozaba. Estas carreiras resultaban enormemente estresantes para min en moitos sentidos, e xa dende os tres ou catro días previos. Eu non corría tan mal, a verdade, polo menos en comparación cos meus compañeiros de colexio, porque se ben nunca gañaba, adoitaba chegar dos primeiros nos adestramentos. Pero tiña unha concentración desastrosa, un control pésimo da mente, do ritmo e da respiración, o que me sumía bastante pronto nun remuíño de pensamentos evasivos aparellados coa insoportable ansia de chegar á meta. Esta vacilación, este desarranxo propio dunha batería viciada, aliábanse o día da carreira seria cos nervios e a xenreira de toda a semana, ata o punto de facerme dubidar que aquela agonía que me oprimía o peito fose realmente polo esforzo físico.

Resultábame moi curioso que o meu pai puxese tanto énfase en sinalar que o meu rostro non demostraba en absoluto cansazo, desfondamento ou algunha clase de impotencia física durante as carreiras. Faltábame precisamente iso para escusar o meu rendemento: rapidamente ía perdendo postos ata que me ancoraba no pelotón de cola, e dende alí avanzaba con xesto impávido, mesmo cun lixeiro ademán de indiferenza, coma se estivese noutra parte, coma se estivese a reservarme para asuntos máis importantes. Dígoo porque me vin en vídeo, porque alí estaba a cámara do meu pai para demostralo, para amosarme unha realidade que nada tiña que ver con aquel tormento que cría padecer: eu avanzaba como de paseo no medio dun pelotón de nenos gordos, colorados, rebentados, coa lingua de fóra.

Pero non souben ata hai pouco que a cousa foi aínda moito peor. No fío dunha conversa, o meu pai lembrou unha historia difícil de crer se non fora polos antecedentes. O caso é que el, que adoitaba andar de pescuda ao longo dos circuítos, dixo que unha vez me atopou detido á volta dunha curva, non vencido polo cansazo, senón pola alucinante razón de que me quedara pasmado mirando para algo que había no chan, aparentemente un papel ou folla de xornal, e que houbo de aguillarme cun berro que me asustou. Seica non hai imaxe de tan vergonzoso momento, pero mellor así, que quede como unha verdadeira construción a posteriori e que fique a dúbida de se habería en realidade algún erro de interpretación. Mesmo meu pai, abraiado, procurou explicacións de trazas sobrenaturais ao querer ver no caso o anuncio dunha suposta vocación xornalística do seu fillo, sen reparar en que aquilo, como moito, xustamente indicaba o que non podía ser unha vocación en absoluto. En canto a min, sóame vagamente que teño esa lembranza por algunha parte dentro do arquivo do meu cerebro, pero non son quen de atopala, seguramente porque a gardei baixo un título equivocado. Ou ben baixo un título diferente do que lle puxeron os outros.


Buraco nun campo de Gales (fonte)