Na beira do Lete

... alampan os recordos todos, como brasas atizadas polo vento da morte.

30 de decembro de 2014

A terra plana

Se algún día, dende fóra do noso mundo, algunha outra especie intelixente pensa na historia do ser humano sobre a Terra, seguramente faga mención da súa extraordinaria capacidade de modificar o medio no que se inserira orixinalmente, xeralmente baixo un impulso cara á felicidade e o confort, nunha progresión acumulada xeración sobre xeración. Pero se o máis característico da historia humana é que cada xeración de ananos se ergue "a ombros de xigantes", na antiga expresión de Bernard de Chartres, non é menos certo que, en termos cuantitativos, a especie e os seus devanceiros directos botaron a meirande parte da súa existencia —centos de miles de anos— pululando polo planeta como insectos inocuos, vagando con máis ou menos maña sobre a inmensidade dun medio natural fortuitamente conformado ao socairo de longuísimas eras xeolóxicas. Aquel mundo ser cartografar, amorfo, caótico, que se transfiguraba maxicamente con cada paso e con cada día, estaba fóra do alcance dos humanos, pasivos descubridores das cores que os saudaban ao pasar aquel monte ou aquela treboada.

Vista en conxunto, a cidade, entendida como un área definida densamente poboada e edificada, foi un fenómeno efémero sobre a superficie da Terra. Non quere dicir que os arredor de 6.000 anos que funcionou como concepto pasasen rápido para os homes que os viviron, senón que, en comparación co que veu despois, reveláronse coma un período de transición lóxico entre a calma e a tormenta, entre o deserto e a xungla, entre a infancia e a idade adulta. Aínda a finais do século XXI resultaba operativa na meirande parte do mundo a concepción dunha cidade delimitada; non tan claramente coma nos tempos en que se protexían con murallas de pedra, pero si perfilada alomenos á vista da foto satelital, en claro contraste co espazo rústico, que dende a Antigüidade clásica se cantara con premonitoria melancolía. Por aquel entón, o grande poder de atracción que exercían as grandes cidades do mundo desenvolvido contrastaba claramente cun agro cada vez más inhóspito, que non deixara de baleirarse dende a revolución industrial dos camiños de ferro, tentáculos dun sistema urbano que prometera aos campesiños unha vida mellor. Por outra banda, tampouco estas cidades auguraban un inminente auxe demográfico a comezos do terceiro milenio, considerando a súa poboación envellecida e o seu estancamento económico con respecto a épocas anteriores.

Despois da Gran Guerra de 2066, cos seus miles de millóns de mortos, moitos foron os que vaticinaron longos anos de decadencia para a humanidade, que só nun ano perdera a terceira parte da súa poboación. Pero lonxe de sumirse nunha escura idade media, mulleres e homes atoparon naquela calamidade o que xa atoparan noutras moitas anteriores, como o incendio que arrasara Londres xusto catrocentos anos antes: un revulsivo. A euforia pola vida redescuberta, libre de sentimentos de culpa e de apocalípticos medos, acirrou o contraataque da especie en pos dun progreso material sen nostalxias nin complexos, pola vía directa que dende antigo impulsara as máis ambiciosas das obras humanas. Aquel novo mundo, no que o nome de Inglaterra soaba tan remoto como o de Frixia ou Numidia, asumira que a felicidade humana era indisociable dun crecemento económico con trazos dun esquema piramidal, e tal esquema era válido en tanto producía melloras prácticas e obxectivas: por moito que houbese unha minoría crítica co sistema, o feito era que nunca tantos foran tan prósperos nin gozaran de tanta saúde. Precisamente a forte expansión demográfica que comezou tras a guerra foi recoñecida como a mellor garantía de continuidade dun crecemento que, só un século despois, supuxera o derradeiro cambio de escala no concepto de cidade: había entón quen consideraba que unha cidade de 5 millóns era "unha aldea", mentres que o tamaño ideal era unha de 50 millóns, "nin grande nin pequena".

Pronto non quedaron cidades, nin de 5 nin de 500 millóns. Todo comezou co derradeiro dos éxodos urbanos propiciados pola rapidez e accesibilidade dos medios de transporte. Dado que non supuña unha verdadeira renuncia ás vantaxes da urbe —pois sempre podía ser accedida en non máis dunha hora—, unha grande cantidade de xente moveu o seu domicilio ás áreas despoboadas do territorio, na procura dunha vida máis espazosa e relaxada, non exenta de connotacións místicas de contacto coa natureza. Amparado pola euforia da "reconstrución" e pola baratura e sinxeleza dun novo estándar construtivo presentado como "constrúe ti mesmo", o fenómeno foi tan masivo, que a cidade difusa que nacera no século XX chegou a inundalo todo a finais do século XXII. De repente, no momento en que a cidade compacta parecía provocar un meirande desapego, centos de miles de cidades desapareceron engulidas por si mesmas, diluídas baixo o nome das metrópoles, inzados os baleiros entre elas dunha nova espesura urbana. Houbo ademais outro factor que consolidou o proceso: o forte desenvolvemento dende mediados do século XXII da industria dos alimentos sintéticos, moito máis eficientes e seguros que os tradicionais e cuns requirimentos en canto a extensión territorial moi inferiores. Carne, peixe ou verdura foron paulatinamente substituídos por pílulas nutricionais que non requirían de inmensas superficies de cultivo en horizontal, nin de grandes pastos, nin sequera de grandes masas de auga limpa; e se había quen aínda producía alimentos frescos tradicionais, negocio lucrativo grazas as capas podentes, facíase en grandes rañaceos de alta eficiencia que aplicaban sobre millóns de andeis cultivados as condicións óptimas de luz, temperatura e humidade. Velaquí que, se ben a industria agrícola acabara coas abellas silvestres no século XXI, agora era a propia agricultura a que afrontaba a súa desaparición, e con ela o último gran incentivo para o mantemento de territorios sen urbanizar.

Non é ata a Conferencia de Shanghai de 2202 cando os gobernos de todo o mundo acordan facerse cargo da situación mediante unha férrea política intervencionista sobre o urbanismo, apenas comparable á que se practicara dous séculos antes nos países desenvolvidos. Nun mundo en que o 99 por cento da poboación non experimentara outro hábitat que o urbano, a actuación dos gobernos non viña guiada por principios ecolóxicos, nin paisaxísticos, nin nostálxicos, senón como resposta a varios estudos que auguraban unha grande crise de espazo a escala global: con aquel ritmo, estimábase que a dispoñibilidade mundial de superficie edificable estaría esgotada para 2260. As medidas adoptadas, sucesivamente desenvolvidas nas diferentes lexislacións nacionais, inauguraron un novo escenario onde toda iniciativa particular de intervención sobre o territorio quedaba abolida: a partir de entón, serían os poderes públicos a través de grandes corporacións promotoras as que exercerían o monopolio da actividade construtiva en calquera parte do planeta. O principal obxectivo era garantir a axeitada planificación e xestión do espazo dispoñible en función das diferentes necesidades sociais, baixo o convencemento de que a superpoboación era unha falacia para encubrir un deseño urbano ineficiente. Así, como xa dende o século XX soñara atinadamente a ciencia ficción, a cidade global evolucionou en altura, levando os seus usos residenciais, industriais, educativos, hospitalarios, gobernamentais ou de lecer, ás altas capas da atmosfera, onde a vida humana non tiña nada que envexar a dos que viviran apegados á terra. Se ben na meirande parte dos países non se nacionalizou a propiedade do solo, si se nacionalizou o seu uso, que viña claramente estipulado polos diferentes plans de zonificación: os últimos campesiños, atrincheirados nas súas estranguladas parcelas como a viva representación do egoísmo, da total ausencia dunha mentalidade cívica, axeonlláronse finalmente ante o imparable progreso, forzados a ceder os seus terreos á urbanización global.

A cidade do século XXIII supuxo a globalización da edificación nun dobre sentido: un cuantitativo, pola extensión da cidade á práctica totalidade do territorio —con excepcións en áreas de clima extremo—; e outro cualitativo, pola súa natureza estandarizada, planificada e supervisada a escala planetaria. Se ben os precursores do urbanismo moderno acadaron nas primeiras décadas do século XX a certeza de que o espazo, como ben escaso e valioso, non debía ser manipulado á lixeira ou abandonado ao capricho dun promotor calquera, non foi ata o século XXIII que perderon sentido recriminacións como "se che amola a cidade, ninguén che retén nela", ou "se queres vivir coma un salvaxe, haiche moito monte", ou "algún día desaparecerá a selva, pero nós non o veremos". Primeiro, porque practicamente non había escapatoria á cidade compacta, e segundo, porque o que quedaba de "selva" ou "monte" eran uns poucos centos de reservas naturais musealizadas onde vivían soamente uns poucos miles de figurantes, ao modo de grandes parques temáticos inspirados con máis ou menos rigor nas últimas sociedades agrarias, de baixa densidade demográfica, en boa medida vixentes no imaxinario das clases cultas grazas aos vellos cadros das pinacotecas. Isto non quere dicir que na nova situación a vexetación fora suprimida, senón que, por ser fonte de osíxeno imprescindible para a vida, se someteu a unha ordenación racional e eficiente, en función dos principios que gobernaban o deseño urbanístico: cubertas, terrazas, azoteas e toda clase de plataformas colgantes máis ou menos grandes reviviron, nas áreas cun clima propicio, os míticos xardíns de Babilonia, mentres que en áreas de clima desértico e nos océanos se priorizaron os parques eólicos e as hortas solares.

A base do deseño urbano na altura do século XXIV era a idea da adaptabilidade do ser humano. Necesidades como a amplitude do espazo persoal, que pasaran por absolutas en determinadas épocas, viñeron a demostrarse como relativas ou directamente falaces: cientificamente podía afirmarse que 15 metros cadrados eran abondo para a experiencia da intimidade, posto que a clave dunha vida satisfactoria era o desenvolvemento social, vía presencial ou telemática, en función do cal os grandes espazos de carácter privado propios de épocas pasadas —castelos, mansións ou chalés— se consideraban anómalos, ineficaces e incívicos. En consecuencia, a fórmula habitacional de meirande implantación foi o contedor masivo, plasmado en rañaceos que en 2350 se limitaban na normativa de varios países a un mínimo de 80 plantas e 3.200 vivendas. Por suposto, había como en calquera outra época unha minoría de inadaptados, furiosos inimigos das imperfeccións do estilo de vida moderno, incapaces de recoñecer a mellora obxectiva do big picture: en ningún caso a humanidade comera mellores alimentos cando os collía da horta e gastaba horas en cociñalos, nin tiña máis saúde por facer exercicio en carísimos e ineficientes parques despoboados, nin por durmir a terceira parte do día, nin por ter un salón separado dunha cociña, nin por ter unha montaña á vista dende a fiestra. As valentías e os sacrificios podían ser divertidos na xuventude, pero ao chegar a hora da verdade non cabía senón celebrar que o ser humano se liberara da condena de engulir alimentos, moitas veces a conta do sufrimento animal; que a súa forma física fose mellorada grazas a unhas ferramentas que maximizaban o rendemento no mínimo espazo; que non só aumentara a lonxevidade e a calidade de vida, senón tamén o seu aproveitamento ao dispoñer de boa parte do tempo que antigamente se destinaba a durmir; que as improdutivas cordilleiras do pasado foran desmontadas e domesticadas en favor das necesidades públicas; e de maneira especial, que o fogar se axustara ás necesidades reais dos seus habitantes, suprimindo elementos superfluos como a cociña, e axustando o tamaño doutros que, como a cama ou o escritorio, viviran moitos anos do mito de que, canto máis grandes, máis confort, maior produtividade e mellor organización mental: poucos dubidaban xa que aqueles últimos alpinistas que choraran a fin dos inhóspitos cumios padecían unha arela irracional, independente do medio, pois a amplitude do espazo e a distancia dos horizontes, dicíase, non se ollan, nin se escoitan, nin se respiran, nin se atravesan cos brazos e as pernas, senón que están na mente do individuo.

A persoa que durmía na súa habitación, que se aseaba, que tomaba as súas pílulas con café potenciado, que se comunicaba con amigos, socios e clientes, que gozaba de toda clase de lecer a través da súa pantalla, atopaba sen saír do mesmo edificio unha vasta oferta de servizos, actividades e equipamentos comunitarios, inconcibibles nun medio rural, que propiciaban e mantiñan unha —pero non a única— rede social presencial. Non cabe polo tanto catalogar a cidade do século XXIV como opresiva ou deshumanizada; era unha cidade feita na mente colectiva para a felicidade, a cal requiría unha axeitada planificación das necesidades, suprimindo aquelas superfluas ou falaces que, como a dispoñibilidade de territorios salvaxes ou apenas colonizados —noutrora chamados "paisaxes"—, non facían ningunha contribución ao benestar real. Así, a felicidade á que apuntaba este novo urbanismo abandonara por fin a utopía bucólica dunha idade de ouro virxiliana, non poucas veces retornada en forma de palacios, balnearios e cidades xardín, e asumira como única guía o utilitarismo: a saúde, a comodidade do corpo, a integración na comunidade, o traballo e o lecer eran os ingredientes fundamentais que tiña que administrar a máquina urbana, coidadosamente descentralizada e uniformizada para equilibrar os polos de atracción, e non valores estéticos como mínimo difusos, subxectivos e desfasados. O deseño da cidade global non andaba con reviravoltas: como unha factoría de coches, buscaba economizar os xestos previsibles, as accións ou os desprazamentos deducidos dunha análise estatística, reducindo ao mínimo a súa fricción e maximizando o seu rendemento. De aí que os comportamentos erráticos, sen un obxectivo específico e evidente, como vagar de xeito caprichoso ou ficar coma un pasmón na vía pública fóra dunha área especificamente concibida para iso —como un recinto turístico—, podían provocar puntuais trastornos de eficiencia no sistema e mesmo resultar sospeitosos para os videovixiantes.

A primeira vez que se especulou sobre a colonización humana doutros planetas foi no século XX, no que os crecentes problemas ecolóxicos e o ritmo de consumo dos recursos naturais crearon a necesidade doutra Terra que explotar, aínda que a posibilidade real de facelo quedou restrinxida durante varios séculos ao discurso da ciencia ficción. Foi en 2420 cando o discreto descubrimento dunha particular superterra —3,5 veces o seu tamaño— ofreceu a algúns humanos un obxecto concreto de desexo e a outros tantos científicos un referente sobre o que proxectar o seu enxeño. Ata ese momento, foran unha enorme cantidade os exoplanetas catalogados, pero ningún que cumprira unhas condicións de habitabilidade de 1:1 con respecto á Terra; esta era precisamente a particularidade de KeplerX-1999c, que ademais de ter un período orbital de 421 días e outro de rotación de case 30 horas, ofrecía grazas ás últimas tecnoloxías de visualización un aspecto e un cromatismo que lembraban as vellas fotos do planeta azul, producidos polo que aparentaban talmente grandes masas de auga e de terra de vibrante vexetación. Porén, algo xa cambiara na mentalidade dos terráqueos do século XXV: desafeitos como estaban aos deleites da natureza primitiva e dado que o único obxectivo da arquitectura era fabricar celiñas habitables, ¿que interese podía haber en colonizar outra Terra a unha distancia inasumible para a tecnoloxía —2,1 anos luz—, cando todo o necesario para a vida estaba xa a construírse nas múltiples urbanizacións orbitais e en outras tantas que proliferaban nas chairas desérticas da Lúa e de Marte?

Non é o obxectivo aquí explicar o funcionamento da tecnoloxía nin analizar as súas sucesivas conquistas; simplemente, as naves espaciais foron funcionando cada vez mellor e máis rápido, como antigamente fixeran os barcos e os avións. Así, como houbo un día en que atravesar o Atlántico deixou de ser unha empresa inasumible e improdutiva, houbo quen sentiu a arela de redescubrir a Terra que se perdera: foi en 2882 cando un grupo de humanos se internou na Nube Interestelar Local para arribar, un maio de catorce anos despois, á órbita daquel brumoso xigante verde e azul. O século que xa entraba, o XXX, foi só o inicio da colonización de KeplerX-1999c, un planeta inmenso e fértil que devolveu aos seus primeiros poboadores a idea dunha terra plana, unha terra nun sentido medieval: inabarcable, ignota e ateigada de marabillas sen cartografar. Aquela nova última fronteira, aquel salvaxe oeste desdeñado e ata temido na City terráquea, é o lugar no que comeza esta historia...



Imaxe 1: City of the Future, Harvey Wiley Corbett (1913).

Imaxe 2: mapa dunha área de Minecraft que representaría aproximadamente 2 km cadrados de espazo real. Para cartografar todo o territorio dunha partida farían falta 2.048 millóns de mapas máis, o que sería equivalente a 8 veces a superficie da Terra.

0 comentarios:

Publicar un comentario